Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 19 de agosto de 2015 Páx. 33939

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

I

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu capítulo II do título IV (artigos 40 e 41), autoriza a creación dunha axencia en materia de docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, como axencia pública autonómica adscrita á consellería competente en materia de sanidade, que terá como fins xerais e obxectivos básicos realizar a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, prevía, no seu título IX a creación de dúas entidades: a Escola Galega de Administración Sanitaria (para a coordinación, financiamento e xestión da docencia, a formación en administración, xestión e calidade sanitaria, técnica e clínica) e o Instituto Galego de Investigación Sanitaria (para o fomento, coordinación e financiamento da investigación en biomedicina e ciencias da saúde do Sistema público de saúde de Galicia). A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, derrogou a regulación de ambas as entidades contida na Lei 8/2008, do 10 de xullo. Como sinala a súa exposición de motivos, as razóns da dita derrogación están en consonancia cos principios de optimización e reestruturación do sector público autonómico instaurados na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ao quedar as funcións das ditas entidades atribuídas pola dita Lei 14/2013, do 26 de decembro, a unha nova axencia en materia de docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

Por outra banda, o artigo 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico establece que, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, se procederá á creación da axencia, así como a aprobación dos estatutos que detallen as funcións específicas que desenvolverá. Sinala, así mesmo, este artigo que o seu réxime xurídico será o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, excepto no relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola súa propia normativa específica.

Pola súa parte, o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, sinala, con carácter xeral, que tras a aprobación da lei que autorice a creación dunha entidade instrumental, debe procederse á súa creación e a aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

Así mesmo, o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece na disposición adicional quinta que de conformidade co indicado no artigo 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, que se autoriza a Consellería de Sanidade para levar adiante os trámites de extinción e liquidación da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria coa finalidade de integrala nunha axencia pública autonómica que desenvolva todas as competencias da consellería en materia de xestión da formación e acreditación dos profesionais do Sistema galego de saúde, a investigación sanitaria e a avaliación de tecnoloxías sanitarias.

II

Algúns dos múltiples retos a que se enfrontan os gobernos de cara á mellora dos servizos sanitarios consisten en ser capaces de mobilizar e canalizar os activos e a enerxía creadora de cidadáns e empresas co obxectivo de impulsar benestar social e económico, na busca de modelos e ferramentas que os axuden a focalizar os esforzos e combinar as forzas de todos os axentes para que resulten en innovación e, finalmente, en crecemento social e económico.

Neste contexto, e polo que se refire en concreto ao ámbito sanitario, é necesaria unha transformación que promova a creación e o desenvolvemento de mecanismos e instrumentos que faciliten a innovación, e que pasan pola consolidación de estruturas horizontais de apoio aos axentes involucrados na I+D+i sanitaria, que dean acollida á necesidade de cooperación entre os sectores público e privado de forma que as actividades científicas xeren resultados de valor engadido que poidan ser transferidos ao sector produtivo e, por tanto, á sociedade no seu conxunto.

Para isto, a Administración pública autonómica ten na súa man a configuración de entidades públicas instrumentais, capaces de garantir a flexibilidade na xestión, a autonomía, a promoción da eficiencia e a responsabilidade por resultados, na medida en que a complexidade dos ámbitos sanitario, da I+D+i e da xestión do talento, demandan esta xestión diferenciada e de excelencia nestes eidos, en coordinación coas estruturas públicas tradicionais.

A configuración dunha axencia pública autonómica resulta idónea para a xestión dos fins e obxectivos básicos asignados, e que precisan dunha xestión superespecializada e por obxectivos, que deberán ser fixados mediante os correspondentes indicadores estratéxicos.

En primeiro lugar, o carácter de entidade pública instrumental implica ter personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios, así como autonomía de xestión. Isto permite deseñar unha entidade á cal, para o cumprimento de programas de actividade específicos correspondentes a políticas públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma, se lle encomenda a realización de actividades en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos.

Ademais, o réxime xurídico das axencias públicas presenta a vantaxe de adaptación ás actividades concretas que se poidan levar a cabo, e brinda a capacidade de planificación a longo prazo que requiren as políticas públicas no eido da I+D+i sanitaria.

Por iso, a pesar da dificultade de acometer procesos de reorganización na Administración pública, cómpre dotar o sistema público de saúde de Galicia dun instrumento que garanta unha maior eficiencia e eficacia na xestión da docencia, a formación, a investigación, a innovación e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios; entendido este como un costume saudable de adaptación do servizo público ás necesidades da cidadanía.

III

Desde o punto de vista funcional, existen motivos que xustifican a necesidade da creación dunha axencia para a xestión da docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios:

a) A necesidade de promover a investigación translacional no Sistema público galego de saúde, que estreite os lazos entre a investigación básica e a investigación clínica, e promova e potencie a transferencia do amplo coñecemento xerado sobre os mecanismos dos procesos biolóxicos que redunden no beneficio da saúde e na xeración de valor para a sociedade.

b) Derivado do anterior, cómpre o desenvolvemento de novas metodoloxías que axilicen o proceso, e a conformación dun modelo de avaliación de tecnoloxías, procesos e servizos sanitarios que dea acomodo a esta nova formulación da investigación biomédica. A innovación nos servizos de saúde está estreitamente vinculada co progreso das ciencias médicas e das tecnoloxías sanitarias, así como co resultado dun proceso complexo e interactivo en que interveñen bases de coñecemento especialista, tecnoloxías, traxectorias de aprendizaxe, competencias organizativas, modelos de experiencia, así como outros factores e competencias intanxibles.

c) Garantir a evolución do sistema de xestión do coñecemento que acompañe o cambio do modelo de xestión da I+D+i biomédica, e nutra o Sistema público galego de saúde de perfís profesionais de excelencia, que garantan compromisos a longo prazo, visión global e pensamento de síntese.

d) A potenciación da cooperación como modelo organizativo. A visión do cambio disruptivo no sector da saúde require dunha cultura e filosofía común de cooperación entre os diferentes actores do sistema I+D, para fomentar o intercambio sistemático de coñecemento como verdadeiro motor da innovación. Galicia é referencia na implantación do seu modelo de innovación aberta sanitaria, que apoiado na configuración de proxectos participativos facilita o intercambio de ideas e experiencias entre os diferentes actores do sistema de investigación e innovación sanitario.

e) A procura dunha estrutura organizativa que dea acubillo á necesidade de impulsar un liderado organizativo orientado á creatividade e á aplicación dos cambios que engadan valor á sociedade, recollendo a importancia da investigación e a innovación como motor económico, e combinando roles de liderado e subsidiariedade atendendo ás súas específicas circunstancias, oportunidades e vantaxes competitivas.

Por tanto, parece idónea a configuración dunha axencia suxeita aos principios e mecanismos de xestión transparente por obxectivos para acadar un óptimo cumprimento dos principios de eficacia e eficiencia. A creación da Axencia responde á necesidade de reorientar os recursos en prol de asumir un papel facilitador para os axentes que interveñen no sistema sanitario da comunidade, e encamiñar a Administración autonómica ás necesidades actuais da cidadanía.

Coa aprobación deste decreto dáse cumprimento ao mandato legal indicado na normativa antes mencionada. A creación da Axencia responde á necesidade de acadar a coordinación, aumentar a eficacia e a eficiencia nas distintas actividades que se agrupan e que responden aos seguintes fins xerais:

a) Realizar a xestión da formación continua dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia.

b) Fomentar a investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, coordinando as actividades e proporcionando valor aos seus resultados.

c) Impulsar e coordinar as actividades que en materia de innovación se están a desenvolver na Consellería de Sanidade, no Servizo Galego de Saúde e nas entidades adscritas e vinculadas.

d) Avaliar as tecnoloxías, procesos e servizos sanitarios.

A estrutura do decreto axustase á seguida noutros decretos xa existentes de creación de axencias públicas autonómicas e de aprobación dos seus estatutos posteriores á entrada en vigor da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O texto consta dunha exposición de motivos, un artigo único relativo á creación da Axencia, cinco disposicións adicionais relativas á constitución e posta en funcionamento, adscrición de persoal, primeiro contrato plurianual de xestión, valoración do custo efectivo dos medios traspasados e inventario, respectivamente; catro disposicións transitorias, relativas a servizos comúns e apoio técnico, adscrición provisional, réxime transitorio dos procedementos e réxime transitorio da integración; unha disposición derrogatoria, e catro disposicións finais relativas ás modificacións do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, de estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, modificacións do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, de estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, desenvolvemento normativo e entrada en vigor.

Os estatutos constan dun total de 49 artigos distribuídos en nove capítulos. O capítulo I (artigos 1 a 9) que contén disposicións xerais, o capítulo II (artigos 10 a 24) organízase en catro seccións sobre órganos de goberno, órgano executivo, estrutura organizativa e órgano de control. O capítulo III (artigos 25 a 27) refírese ao contrato plurianual de xestión e plan de acción anual. O capítulo IV (artigos 28 a 36) relativo ao réxime de persoal, o capítulo V (artigos 37 a 40) sobre réxime patrimonial e contratación, o capítulo VI (artigo 41) sobre réxime de funcionamento, o capítulo VII (artigos 42 a 45) sobre réxime económico-financeiro e orzamentario, o capítulo VIII (artigos 46 e 47) sobre transparencia, e o capítulo IX (artigos 48 e 49) sobre modificación dos estatutos e extinción da Axencia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, cos informes favorables das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do trinta e un de xullo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e aprobación dos estatutos

Conforme coa autorización prevista no artigo 40 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, créase a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e apróbanse os estatutos contidos no anexo deste decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución e posta en funcionamento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

1. A constitución da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde producirase coa celebración da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto. A partir da constitución da Axencia realizaranse todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

Sen prexuízo do anterior, a posta en funcionamento efectivo da Axencia terá lugar coa entrada en vigor dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que inclúan as dotacións necesarias precisas para o normal funcionamento da Axencia como ente instrumental. A data de posta en funcionamento da Axencia farase pública por resolución da súa Presidencia mediante anuncio que se inserirá no Diario Oficial de Galicia.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde asume as competencias e medios persoais e materiais que lle corresponden á Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, que se extinguirá de conformidade co previsto na disposición adicional quinta do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, e a Axencia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias da citada entidade.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias e medios persoais e materiais que lle corresponden ao Servizo de Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias da dirección xeral competente en materia de innovación e xestión da saúde pública, que quedará suprimido e a Axencia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias do citado órgano, incluídos os proxectos financiados con cargo ao convenio asinado co Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento das tarefas asociadas á avaliación de tecnoloxías sanitarias.

4. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde asume todas as competencias que en materia de investigación, innovación, e formación, lle corresponden á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, incluída a Unidade de Innovación, da Consellería de Sanidade e á Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, e a Axencia subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias dos citados órganos e unidades.

Disposición adicional segunda. Adscrición de persoal

1. Quedarán adscritos á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no momento da súa posta en funcionamento, as unidades e postos de traballo de nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondentes ás entidades, órganos e unidades previstas na disposición adicional primeira. A adscrición realizarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña por resolución da Xerencia da Axencia.

Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargos aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente a ela, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

2. O persoal funcionario ou estatutario e o persoal laboral fixo que pase a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, por ocupar postos de traballo que se adscriban á Axencia de acordo co indicado no número 1, pasará a desenvolver servizos nesta co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación.

3. O persoal interino e o persoal laboral temporal que estea prestando servizo nas unidades e nos postos que se adscriban á Axencia, de acordo co indicado no número 1, incorporarase a esta co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación e baixo o mesmo vínculo temporal.

4. O persoal laboral indefinido que estea prestando servizos nos postos que se adscriban á Axencia de acordo co indicado no número 1, incorporarase a esta co mesmo réxime e nas mesmas condicións que teña no momento da súa incorporación.

Disposición adicional terceira. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión da Axencia no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional cuarta. Valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan

A valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan comprenderá o orzamento da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, sen prexuízo do seu estado de execución no momento da posta en funcionamento da Axencia, e as incorporacións que, de ser o caso, se fixesen e as achegas de medios, servizos, bens e outros elementos con valoración económica que se adscriban ou transfiran.

Disposición adicional quinta. Inventario

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade, antes de que pase un ano desde a posta en funcionamento.

Disposición transitoria primeira. Servizos comúns e apoio técnico

Mentres que a Axencia non dispoña dos medios persoais necesarios para conseguir a súa autonomía e executar os fins que lle corresponden, os servizos comúns da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde continuarán exercendo as competencias que teñen atribuídas.

Disposición transitoria segunda. Adscrición provisional

A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública desenvolverá provisionalmente as funcións que corresponden á persoa titular da Xerencia da Axencia, desde a posta en funcionamento da citada Axencia ata o nomeamento da persoa titular da xerencia conforme o procedemento indicado nos estatutos.

Disposición transitoria terceira. Réxime transitorio dos procedemento

1. De conformidade co indicado na disposición transitoria primeira da Lei 14/2013, do 26 de decembro, a entidade e os órganos e unidades a que se refire a disposición adicional primeira deste decreto continuarán desenvolvendo as súas competencias ata o inicio da actividade da Axencia.

2. Os expedientes relativos a materias que sexan competencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde iniciados nas entidades, órganos e unidades administrativas previstas na disposición adicional primeira, e non resoltos na data da posta en funcionamento da Axencia, resolveranse polo órgano correspondente da Axencia de conformidade coa atribución do exercicio de competencias establecido polo estatuto ou normativa que o desenvolva.

3. Os procedementos de gasto iniciados e non rematados na data de posta en funcionamento da Axencia pola Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria e polas entidades, órganos e unidades administrativas previstas na disposición adicional primeira, relativos a materias de competencia da Axencia, serán resoltos na súa tramitación á súa normativa reguladora e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polos estatutos.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio da integración

As entidades, órganos, unidades e persoal que se vaian integrar na Axencia permanecerán nos seus postos e desenvolverán as súas actividades nestes, mentres non se produza a posta en funcionamento efectivo da Axencia, que terá lugar segundo o establecido no parágrafo segundo do número 1 da disposición adicional primeira e que será o momento en que aquela asuma os medios persoais e materiais que a integran.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade

O Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, queda modificado como segue:

Un. A letra c) do número 1.I) do artigo 2 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«c) A Dirección Xeral de Saúde Pública».

Dous. O artigo 4.2.c) do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«c) A ordenación das actuacións preliminares ou investigacións reservadas previas, e a iniciación dos procedementos disciplinarios e o exercicio das potestades disciplinarias dos recursos humanos da Consellería, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, sen prexuízo das competencias atribuídas á Consellería de Facenda».

Tres. O artigo 11 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«Artigo 11. Dirección Xeral de Saúde Pública

1. A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da promoción e protección colectiva da saúde da poboación galega e o desenvolvemento de programas sanitarios en materia de saúde pública.

2. A súa misión é a mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria. Para iso, identifica perigos para a saúde, os problemas de saúde e as poboacións máis susceptibles; avalía os riscos asociados aos perigos e os problemas de saúde identificados; vixía e monitoriza os perigos, os riscos e os problemas de saúde que afectan a poboación galega e, de acordo coas políticas de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, propón, planifica e, se procede, desenvolve programas e actuacións para controlar os riscos de enfermar ou morrer prematuramente. Así mesmo, levará a cabo a avaliación do sistema sanitario e a abordaxe da protección radiolóxica.

3. Corresponde a esta dirección xeral, no marco da actuación sanitaria, o desenvolvemento das actividades como autoridade competente en materia de saúde pública e exercer a potestade sancionadora nos termos previstos na lexislación vixente. Para tal efecto, poderá acordar o inicio, de oficio, de expedientes sancionadores en materia de seguridade alimentaria, sanidade ambiental, alcohol, tabaco ou outras comprendidas no seu ámbito de actuación.

4. Así mesmo, a Dirección Xeral de Saúde Pública emitirá o informe vinculante a que fai referencia o artigo 4 da Lei 5/1995, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos sanitarios.

5. A Dirección Xeral de Saúde Pública contará, para o cumprimento destas competencias, coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía.

b) A Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde.

c) A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

d) Servizo de Coordinación da Xestión.

6. Ao Servizo de Coordinación da Xestión corresponderalle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión económica e orzamentaria, as actividades de deseño e produción das publicacións oficiais da Dirección Xeral, dos sistemas loxísticos de aprovisionamento e dos sistemas de comunicación interna da Dirección Xeral.

b) A coordinación e apoio no deseño dos programas de formación para o persoal da Dirección Xeral e aqueloutros aspectos da xestión de persoal, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras unidades da Consellería.

c) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Catro. O artigo 12 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«Artigo 12. A Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía

1. Correspóndelle a esta subdirección xeral a aplicación e execución do Plan de saúde de Galicia e do Plan de prioridades sanitarias en materia de identificación de problemas de saúde, da avaliación de riscos dos problemas e perigos identificados, e dos programas ou procesos existentes para o seu control; a coordinación de iniciativas no ámbito dos sistemas de información de saúde pública, así como todas aquelas funcións que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Epidemioloxía.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión dos sistemas de información de saúde pública e da Rede galega de vixilancia en saúde pública.

b) A xestión e control de abrochos epidémicos, alertas e crises sanitarias, mediante a coordinación e o seguimento do Sistema de alerta epidemiolóxica de Galicia.

c) O asesoramento e a promoción da formación en materia de método epidemiolóxico.

d) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, a programación e a coordinación da execución das actividades de prevención e control das enfermidades transmisibles e a difusión da información relacionada con elas.

b) A planificación, a coordinación e a xestión das actividades do Programa galego de vacinacións e a difusión da información sobre o programa.

c) A planificación, a coordinación e a xestión das actividades do Programa galego de prevención e control da tuberculose e a difusión da información do programa.

d) A planificación, coordinación e xestión da estratexia de prevención e control da infección VIH/sida en Galicia e a difusión da información do programa.

e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión de Procesos e Indicadores de Saúde Pública.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A análise integral da información de saúde pública e a avaliación do estado de saúde da Comunidade Autónoma.

b) A difusión da información xerada nos sistemas de información de saúde pública e o intercambio desta con outras administracións públicas ou entidades con competencias na materia.

c) A implantación de procesos internos únicos, tanto na Dirección Xeral coma nas xefaturas territoriais; así como a coordinación da política de xestión de proxectos da Dirección Xeral orientados á mellora da calidade dos servizos.

d) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Cinco. Suprímese e queda sen contido o artigo 13 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Seis. O artigo 14 do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 14. A Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde

1. Correspóndelle a esta subdirección a aplicación das directrices da Dirección Xeral en materia de planificación e coordinación dos programas que actúen sobre os factores ambientais determinantes da saúde da poboación galega.

2. Así mesmo, desenvolverá as funcións de fomento da coordinación entre os distintos órganos dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral e a colaboración coas sociedades científicas e co Sistema nacional de saúde, establecendo as pautas e protocolos de actuación a que deberán someterse os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que se realicen nas empresas.

3. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

3.1. Servizo de Seguridade Alimentaria.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos.

b) A coordinación da actividade inspectora en materia de seguridade alimentaria.

c) A coordinación e o seguimento das actuacións no marco da Rede de alerta alimentaria.

d) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.2. Servizo de Sanidade Ambiental.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A planificación, programación, xestión e difusión da información das actividades de protección da saúde da Comunidade Autónoma fronte aos riscos asociados aos ambientes específicos.

b) A proposta de informe vinculante para efectos do establecido na normativa vixente en materia de augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos sanitarios.

c) A coordinación da actividade inspectora en materia de sanidade ambiental.

d) O fomento da coordinación entre os distintos órganos ou entidades dependentes da Consellería de Sanidade con competencias en materia de saúde laboral, así como colaborar no desenvolvemento dos protocolos de actuación a que deberán someterse os servizos de prevención nas actuacións de carácter sanitario que realicen nas empresas.

e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.3. Servizo de Protección Radiolóxica.

Correspóndenlle as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega de Emerxencias en materia de protección civil e a outros órganos das distintas consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Establecer un sistema de validación e seguimento que permita determinar se o programa de garantía de calidade en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico se adecua aos obxectivos previstos, cumpre coas disposicións regulamentarias que lle sexan de aplicación e está implantado de forma efectiva, para os efectos da súa certificación; o seguimento e a vixilancia de cada un dos criterios de calidade establecidos en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico, realizando, se é o caso, as auditorías necesarias e as propostas de medidas correctoras ou procedementos que correspondan; promover a mellora da calidade, eficiencia e efectividade do acto radiolóxico médico evitando exposicións inadecuadas ou excesivas ás radiacións ionizantes.

b) Elaborar os criterios mínimos que garantan a seguridade, eficacia e eficiencia dos equipamentos das instalacións radiolóxicos, sen prexuízo das competencias do Consello de Seguridade Nuclear e outros organismos con autoridade na materia.

c) Elaborar o inventario dos equipos radiolóxicos das instalacións de radiodiagnóstico, radioterapia e de medicina nuclear e colaborar co ministerio competente en materia de sanidade, na realización do Censo nacional de instalacións radioactivas de uso médico.

d) A realización dos estudos necesarios para a actualización dos criterios de ordenación que, en relación coa protección radiolóxica, se apliquen na autorización previa á creación, ampliación e modificación de centros e establecementos sanitarios.

e) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.4. Servizo de Control e Auditorías.

Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O apoio técnico ao Servizo de Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

b) O deseño e a promoción dos programas de formación para o persoal dos servizos de inspección de saúde pública.

c) A implantación da política de calidade establecida para os servizos de inspección de saúde pública, así como coordinar a xestión dos medios necesarios para a consecución dos obxectivos de calidade definidos e para a execución de actividades de inspección.

d) A elaboración do plan de auditorías, así como a coordinación e, cando proceda, a execución da dita planificación con respecto aos servizos de inspección de saúde pública, así como a elaboración da carteira de servizos.

e) A coordinación e execución, no seu ámbito, da supervisión das actividades de control oficial en materia de seguridade alimentaria e sanidade ambiental,

f) O apoio técnico ás xefaturas territoriais en materia de inspección de saúde pública.

g) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.5. Servizo de Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Corresponderalle a realización das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actividades do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e a execución das análises que se lle encomenden en materia de saúde pública.

b) A xestión e coordinación dos medios humanos e técnicos das unidades do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

c) O deseño e a implantación dos programas de calidade no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

d) O deseño e promoción dos programas de formación para o persoal do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

e) A elaboración do plan de auditorías internas, así como a coordinación e, cando proceda, a execución da dita planificación.

f) A elaboración da carteira de servizos e a emisión de informes e avaliación dos programas e actividades encomendados.

g) En xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Sete. O artigo 17.1.d) do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«d) A persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública».

Oito. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da posta en funcionamento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

Un. O artigo 5 do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, queda modificado da seguinte forma:

«Artigo 5. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde

1. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que terá a consideración de alto cargo e rango de secretaría xeral, é o órgano responsable dos servizos de asistencia sanitaria e ten, baixo a dependencia da persoa titular da consellería de adscrición, a dirección e control do Servizo Galego de Saúde.

2. Correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A dirección, avaliación e control de todas as actividades do organismo autónomo relacionadas coas funcións encomendadas a este polas disposicións legais que o rexen, sen prexuízo das facultades e competencias do Consello de Dirección e da Consellería de Sanidade.

b) A elevación ao Consello de Dirección do anteproxecto de orzamento do organismo.

c) A execución dos acordos do Consello de Dirección.

d) A xestión do patrimonio do organismo.

e) A xestión económica e do persoal do organismo.

f) A presentación ao Consello de Dirección da memoria anual de actividades do organismo.

g) A resolución dos conflitos de atribucións que xurdan entre as autoridades dependentes do organismo.

3. A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos directores xerais do Servizo Galego de Saúde, nos xerentes das estruturas de xestión integrada e noutros órganos centrais ou periféricos do organismo funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación.

4. En caso de ausencia, enfermidade ou vacante, a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde será substituída polos directores xerais do Servizo Galego de Saúde segundo a orde de prelación establecida no artigo 1.3.1.2.

5. A Xerencia, para o exercicio das súas funciones, contará coa seguinte estrutura:

a) A Vicexerencia.

b) A Subdirección Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade.

6. Dependerá organicamente da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, de 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

7. Están adscritas á Consellería de Sanidade, a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde».

Dous. Suprímese e queda sen contido o artigo 8 do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, de estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

Tres. As modificacións citadas producirán os seus efectos a partir da posta en funcionamento da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, e a persoa titular da consellería con competencias en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do previsto na disposición adicional cuarta do presente decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Estatutos da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e adscrición

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, séndolle aplicable a citada regulación, agás o relativo ao persoal e aos elementos da súa organización, que se rexerán polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e na súa normativa específica, de conformidade co previsto na disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, adscrita á consellería competente en materia de sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, ten personalidade xurídica propia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, nos termos que precisen as leis.

Artigo 2. Finalidade

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde terá como fins xerais e obxectivos básicos actuar, en réxime de descentralización funcional, como un instrumento de xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

2. A Axencia ten a condición de organismo público de investigación para os efectos do previsto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

3. En atención aos obxectivos da Axencia, consonte a súa finalidade e funcións, e de conformidade co disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, a Axencia terá a condición de axente do Sistema galego de investigación e innovación con funcións de execución, coordinación e financiamento, nos termos e cos efectos establecidos na Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

Artigo 3. Obxectivos

En desenvolvemento dos seus fins, e dentro do marco global da política pública e da planificación da investigación e innovación que determine a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde terá os seguintes obxectivos estratéxicos:

a) Elaborar a planificación en materia de docencia, formación, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, en función dos criterios e obxectivos de planificación estratéxica definidos polo Servizo Galego de Saúde e pola Consellería de Sanidade.

b) Xestionar o coñecemento no sistema público de saúde de Galicia.

c) Xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

d) Potenciar a investigación sanitaria coordinada e multicéntrica e a difusión da actividade investigadora, incluíndo a protección, valorización e transferencia de resultados de investigación e/ou innovación no ámbito sanitario.

e) Apoiar a execución dos programas derivados das prioridades de investigación sanitaria da Comunidade Autónoma, definidas pola Consellería de Sanidade, dentro da estratexia marcada pola consellería competente en materia de I+D+i.

f) Aplicar o modelo de xestión da innovación sanitaria aberta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, coordinar os órganos colexiados da Plataforma de innovación e aqueloutros relacionados coas actividades de innovación, e difundir e participar nas iniciativas europeas de innovación, do clúster de saúde de Galicia e doutras asociacións en materia de sanitaria.

g) Avaliar tecnoloxías, sistemas organizativos e servizos sanitarios, de acordo con criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia, tendo en conta valores éticos, clínicos, económicos e sociais.

Artigo 4. Réxime xurídico

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde axustará a súa actuación ao establecido no presente estatuto, que constitúe a súa norma específica, e nas normas que o desenvolvan, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; coa excepción establecida na disposición adicional sexta, na normativa financeira e orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como polas demais normas que resulten de aplicación ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De conformidade co previsto no artigo 1.3 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a asistencia xurídica da Axencia será provista mediante a subscrición do correspondente convenio de natureza xurídico-pública.

Artigo 5. Condición de medio propio e servizo técnico

1. Para os efectos previstos no artigo 4.1.n) e 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden, dando especial prioridade aos que sexan urxentes ou que se lle ordenen como consecuencia das situacións de urxencia que se declaren.

2. As relacións da Axencia cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no número 6 do artigo 24 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. Non obstante, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

4. En todo caso, será de aplicación o previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Artigo 6. Potestades administrativas

Correspóndelle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, dentro da esfera da súa competencia, o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins nos termos previstos nos presentes estatutos e de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 7. Sede e estrutura territorial

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

2. A Axencia poderá contar con oficinas territoriais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Principios de actuación

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde respectará na súa actuación o principio de xestión transparente por obxectivos, para o cal se apoiará no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor aos usuarios e á sociedade.

2. Así mesmo, a Axencia observará os principios básicos de actuación das entidades instrumentais do sector público autonómico, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 9. Competencias

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, para o cumprimento dos seus obxectivos e obrigas, ten as seguintes competencias, sen prexuízo das que lle correspondan a outras entidades integrantes do sector público autonómico e, en particular, á Axencia Galega de Innovación:

a) Planificar, prover, e avaliar a formación continuada do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, así como programar, executar e avaliar os programas de docencia e formación non regulada conforme a estratexia definida pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

b) Identificar e divulgar o coñecemento relevante nas distintas unidades e institucións do sistema sanitario, así como xestionar, explotar o coñecemento xerado no desempeño das funcións da propia Axencia.

c) Apoiar o desenvolvemento da estratexia global da Biblioteca Virtual do Sistema público de saúde de Galicia (Bibliosaúde) para os profesionais dos servizos públicos de saúde.

d) Prestar asesoramento científico-técnico a través de avaliación de tecnoloxías sanitarias, procesos, servizos, e sistemas organizativos en que se desenvolve a atención sanitaria, de acordo cos criterios e obxectivos de planificación estratéxica definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade.

e) Planificar, promover, coordinar, executar e avaliar a investigación e innovación sanitaria de calidade en función dos criterios e obxectivos definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade, e de acordo coa política xeral da Xunta de Galicia en materia de I+D+i.

f) O deseño e a coordinación de experiencias piloto e a demostración da efectividade e do impacto económico de novas tecnoloxías e produtos sanitarios.

g) Impulsar a vertebración do Sistema galego de I+D+i sanitario contribuíndo a súa estruturación e consolidación a través da coordinación dos recursos autonómicos e a promoción das relacións de colaboración entre os distintos axentes, fomentando a creación e fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e investigación aberta.

h) Desenvolver actuacións dirixidas á captación e xestión do talento que permitan, no seu conxunto, incrementar o rendemento do Sistema galego de I+D+i sanitaria.

i) Contribuír á mellora da calidade da I+D+i prestando asesoramento a calquera entidade ou institución dependente das administracións públicas sanitarias de Galicia, así como a outras entidades públicas ou privadas en materia de fomento da investigación e da innovación, así como elaborando estudos e recomendacións para este fin.

j) Exercer as funcións de coordinación que corresponden á consellería competente en materia de sanidade en relación cos institutos de investigación sanitaria, e realizar o seguimento e a avaliación destes e das fundacións de investigación sanitaria vinculadas ao Servizo Galego de Saúde.

k) Deseñar e xestionar programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á I+D+i sanitaria, así como proxectos europeos e iniciativas coordinadas dos axentes do sistema para optimizar o acceso a estos.

l) Desenvolver a estratexia integral de transferencia de resultados da I+D+i sanitaria, implicando a todos os axentes que forman o sistema sanitario de Galicia.

m) Actuar como órgano de contratación da Axencia, sen prexuízo da delegación contida no artigo 15.3.c) presentes estatutos.

n) Exercer calquera outra función técnica, material ou xurídica que, respecto das materias da súa competencia, se lle encomende á Axencia.

CAPÍTULO II
Organización

Sección 1ª. Órganos de Goberno

Artigo 10. Órganos de goberno da Axencia

1. Os órganos de goberno da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e membros dos órganos de goberno da Axencia procurarase, na medida do posible, a presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 11. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

2. Corresponden á persoa titular da Presidencia as seguintes funcións:

a) Representar institucional e legalmente a Axencia, sen prexuízo das delegacións que poida establecer na Xerencia da Axencia e das funcións que a esta lle poidan corresponder.

b) Presidir o Consello Reitor e o desempeño das demais competencias que en exercicio desta función lle correspondan, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

c) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión ás consellerías con competencias en materia de sanidade, de facenda e de administracións públicas, para a súa elevación ao Consello da Xunta.

d) Remitir a proposta de modificación dos estatutos da Axencia á consellería con competencias en materia de sanidade, e ás competentes en materia de facenda e en materia de administracións públicas, para a súa elevación ao Consello da Xunta, logo da súa tramitación polo procedemento previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Subscribir con entidades públicas ou privadas, no nome da Axencia, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público.

f) Convocar e resolver as bolsas que se estimen necesarias no ámbito de actuación da Axencia.

g) Resolver os recursos de alzada interpostos contra os actos da Xerencia da Axencia.

h) Calquera outra función que se lle encomende nos estatutos e demais normas de aplicación.

Artigo 12. Composición do Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e as vogalías.

3. Son membros do Consello Reitor:

a) Presidencia:

A persoa titular da Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

b) Vicepresidencia:

A persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que substituirá a persoa titular da Presidencia do consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Vogalías:

– A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

– A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de sanidade.

– A persoa titular da Dirección Xeral do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de asistencia sanitaria.

– Un representante da consellería con competencias en materia de facenda, designado pola persoa titular desta, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

– A persoa titular da Dirección Xeral do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de recursos económicos.

– A persoa titular da Dirección Xeral de Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de recursos humanos.

– Unha persoa representante da Axencia Galega de Innovación (Again), designada pola presidencia da dita axencia.

– Unha persoa en representación do Sistema universitario de Galicia designada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación

4. As persoas designadas serán nomeadas e apartadas pola persoa titular da consellería de adscrición da Axencia.

5. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vogalías poderán delegar o seu voto e representación na Presidencia, na Vicepresidencia ou noutro membro do Consello.

6. Exercerá como secretario/a do Consello Reitor a persoa que designe e nomee o Consello Reitor, de entre empregados públicos que prestan servizos na Axencia ou na consellería con competencias en materia de sanidade, e asistirá ás reunións con voz pero sen voto. Poderá designarse tamén un suplente para os supostos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría.

7. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas por proposta da Presidencia en calidade de expertas en relación coas materias incluídas na orde do día, para as cales o seu ditame e asesoramento se considere relevante.

Artigo 13. Funcións do Consello Reitor

Son funcións do Consello Reitor as seguintes:

a) Aprobar a proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación e a aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais da Axencia.

c) Aprobar a contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) Realizar o seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da Xerencia e exixencia das responsabilidades que procedan.

e) Avaliar a información de xestión e financeira remitida pola Comisión de Control que se identifica nos artigos 23 e 24 dos presentes estatutos.

f) Aprobar as contas anuais e, de ser o caso, distribuír o resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Aprobar o informe xeral anual da actividade desenvolvida pola Axencia no ano inmediatamente anterior, e de cantos extraordinarios considere necesarios sobre a xestión da Axencia, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

h) Aprobar a proposta de cadro de persoal e relación de postos de traballo da Axencia, e a súa modificación.

i) Propoñer ao órgano competente o nomeamento e cesamento, se é o caso, do persoal directivo.

j) Designar e nomear a persoa titular da Secretaría do Consello Reitor.

k) Nomear os membros da Comisión de Control.

l) Exercer a potestade sancionadora en caso de infraccións cualificadas como moi graves pola normativa que resulte de aplicación e nas materias propias da competencia da Axencia.

m) Resolver as reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, sen prexuízo da súa posible delegación noutro órgano da Axencia.

n) Aprobar as propostas de normas de desenvolvemento e de modificación dos presentes estatutos, así como do regulamento de réxime interior, presentadas pola Xerencia da Axencia, para a súa posterior remisión ao órgano a que corresponda o exercicio da potestade regulamentaria.

o) Autorizar a celebración de contratos de subministración e de servizos suxeitos a regulación harmonizada, e os contratos de obras, cando o seu importe sexa superior aos 600.000 euros, sen prexuízo das autorizacións que poidan ser necesarias de conformidade co previsto no artigo 62 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

p) Realizar o control regular dos convenios de colaboración e das convocatorias de axudas e bolsas.

q) As demais que se lle atribúan na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste estatuto ou noutras disposicións que resulten de aplicación.

r) Resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables, emanados dos órganos da Axencia, de conformidade co disposto no artigo 3.1.c) da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

s) Promover fórmulas de colaboración con outros órganos e entidades, públicas ou privadas, para o desenvolvemento de proxectos concretos, asumindo a Axencia, a través da Xerencia, a xestión de tales proxectos, sen menoscabo da dependencia orgánica dos medios e recursos necesarios para o desenvolvemento de tales proxectos.

Artigo 14. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase de xeito ordinario cada seis meses.

2. De xeito extraordinario, o Consello Reitor reunirase cando sexa necesario para o desenvolvemento das funcións da Axencia, por iniciativa da Presidencia ou por solicitude da metade dos seus membros.

3. A convocatoria do Consello Reitor será realizada pola Secretaría deste, de acordo coas instrucións que reciba da Presidencia, e deberá ser recibida polos membros do órgano cunha antelación mínima de 48 horas; notificarase por escrito indicando a orde do día, lugar e hora da xuntanza. A convocatoria e a documentación correspondente remitirase a través do correo electrónico.

4. Para a válida constitución do Consello Reitor deberán asistir polo menos a metade dos seus membros, ademais do presidente e do secretario, ou de quen os substitúa, conforme o establecido nestes estatutos.

De non acadarse o quórum necesario en primeira convocatoria, quedará validamente constituída a xuntanza en segunda convocatoria cando asistan un terzo dos membros, ademais do presidente e do secretario, ou dos seus suplentes.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes ou representados. En caso de empate, dirimirá o voto de calidade da persoa titular da Presidencia.

7. O funcionamento e o réxime aplicable ao Consello Reitor axustarase, no non previsto anteriormente, ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no regulamento de réxime interno.

8. A pertenza ao Consello Reitor da Axencia non será retribuída.

Sección 2ª. Órgano executivo

Artigo 15. A Xerencia da Axencia

1. A Xerencia é o órgano executivo da Axencia e correspóndelle a súa xestión ordinaria.

O posto de xerente da Axencia será provisto de conformidade co previsto no artigo 36 dos presentes estatutos.

2. A persoa responsable da Xerencia da Axencia será nomeada e apartada pola persoa titular da consellería de adscrición.

3. Correspóndenlle á Xerencia o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Elaborar as propostas de normas de modificación e desenvolvemento dos presentes estatutos, así como o proxecto de regulamento de réxime interior.

b) Elaborar a proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación e a elaboración dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais da Axencia e dos criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos devanditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

c) Actuar por delegación da persoa titular da consellería de adscrición, no ámbito dos contratos do sector público, como órgano de contratación da Axencia, tendo en conta a delegación prevista no artigo 11.2.m), e sen prexuízo do sinalado no artigo 13.o), destes estatutos. Precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

d) Exercer a xefatura do persoal da Axencia.

e) Elaborar a proposta de cadro de persoal e relación de postos de traballo da Axencia, e da súa modificación.

f) Someter ao Consello Reitor as iniciativas relativas ao nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo da Axencia, así como o seu cesamento.

g) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos e unidades adscritas á Axencia e ditar os actos, instrucións e circulares relativos ao funcionamento da Axencia.

h) Elevar á Comisión de Control referida nos artigos 23 e 24 destes estatutos informes periódicos sobre a execución do orzamento da Axencia.

i) Propoñer á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a autorización de variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten a gastos de persoal e de capital.

j) Autorizar as restantes variacións por riba do inicialmente orzado, incluso na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e), f) e g) do artigo 42.1, e se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria, logo do informe favorable da Comisión de Control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, debendo dar conta posteriormente á consellería competente en materia de facenda.

k) Acordar a incorporación de remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, previo informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, debendo dar conta do acordo á Comisión de Control.

l) Dispor os créditos e dotacións, os recoñecementos das obrigas e a ordenación dos pagamentos da Axencia e das unidades adscritas, se é o caso, dentro dos límites que lle correspondan.

m) Elaborar o informe xeral anual da actividade desenvolvida no ano inmediatamente anterior pola Axencia, e elevar o informe ao Consello Reitor para a súa aprobación.

n) Informar, no primeiro trimestre de cada ano, a consellería de adscrición e as competentes en materia de administracións públicas e facenda, acerca da execución e do grao de cumprimento que durante o exercicio anual inmediatamente anterior se acadou respecto dos obxectivos fixados no contrato plurianual de xestión.

o) Elaborar as propostas de resolución dos recursos administrativos, das reclamacións previas, en asuntos civís e laborais, e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

p) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor e exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

q) Representar a Axencia no Consello para a Innovación en Materia Sanitaria.

r) Coordinar e xestionar os proxectos concretos autorizados polo Consello Reitor que se establezan de conformidade co previsto no artigo 22 dos presentes estatutos.

s) Fomentar, xestionar e avaliar a calidade na actividade da Axencia, así como nos aspectos internos do seu funcionamento e interlocución coa consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde para os asuntos de trámite e outros.

t) Velar polo cumprimento de la Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

u) Calquera outra que se lle atribúa na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento do sector público autonómico de Galicia, nestes estatutos ou noutras disposicións aplicables, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano da mesma.

Sección 3ª. Estrutura organizativa

Artigo 16. Estrutura interna

A Axencia estrutúrase internamente en tres áreas, unha unidade e un servizo con nivel de servizo, dependentes todas elas orgánica e funcionalmente da Xerencia da Axencia:

a) Área de Xestión do Coñecemento e Talento.

b) Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

c) Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria.

d) Unidade de Asesoramento Científico-técnico.

e) Servizo de Xestión.

Artigo 17. Área de Xestión do Coñecemento e Talento

1. Á Área de Xestión do Coñecemento e Talento correspóndelle a xestión e coordinación dos servizos de formación e xestión do talento da Axencia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Planificar, autorizar e avaliar as accións de formación práctica regulada, tanto universitaria como especializada, nos centros dependentes da consellería competente en materia de sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

b) Programar, executar e avaliar os programas de docencia e formación non regulada para o persoal sanitario e investigador, conforme a estratexia definida pola consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde, potenciando o desenvolvemento de novas metodoloxías docentes e o uso de novas tecnoloxías nos plans de formación.

c) Elaborar e aplicar as políticas, instrumentos, directrices, normas e criterios sobre a avaliación da actividade formativa de persoal sanitario e investigador e o seu impacto sobre a mellora do sistema.

d) Facilitar a implicación dos usuarios nos procesos de adquisición de novos coñecementos e habilidades garantindo a capilaridade e a idoneidade da actividade formativa.

e) Identificar o coñecemento relevante nas distintas unidades e institucións do sistema sanitario e desenvolver as ferramentas precisas para a súa divulgación.

f) Propoñer ferramentas para a materialización do coñecemento creando produtos e servizos que faciliten a súa extensión e implantación no sistema de saúde.

g) Xestionar, explotar e difundir o coñecemento xerado no desempeño das funcións da propia Axencia.

h) Asumir por delegación da Presidencia da Axencia a representación desta en institucións, foros e plataformas nacionais e internacionais para a promoción e intercambio de coñecemento científico e tecnolóxico no ámbito sanitario.

i) Facilitar o cumprimento da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, garantindo o desenvolvemento de repositorios dixitais, propios ou compartidos, de acceso aberto ás publicacións do persoal de investigación cuxa actividade estea financiada por fondos públicos, e o establecemento de sistemas que permitan conectalos con iniciativas similares de ámbito nacional e internacional.

j) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Xerencia da Axencia.

2. Para o desempeño das súas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de de Docencia.

b) Servizo de Innovación Formativa.

3. O Servizo de Docencia será o responsable das actividades de promoción, coordinación e autorización da formación regulada universitaria e especializada, e desempeñará as seguintes funcións:

a) O fomento, defensa e promoción da importancia estratéxica da formación e a docencia de calidade no Sistema público de saúde de Galicia.

b) A coordinación e autorización da formación práctica dos alumnos de titulacións universitarias, tanto sanitarios coma non sanitarios, nos centros dependentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

c) A coordinación, o desenvolvemento e o exercicio das funcións relacionadas coa formación sanitaria especializada, velando pola súa excelencia, así como a elaboración da oferta anual de prazas de formación sanitaria especializada, en colaboración con outras unidades, sobre a base dos estudos de necesidades formativas no ámbito sanitario estatal e autonómico.

d) A organización, avaliación e informe dos períodos de exercicio profesional en prácticas ou de formación complementaria establecidos no Real decreto 459/2010, do 16 de abril, para o recoñecemento para efectos profesionais de títulos de especialista obtidos en países extracomunitarios.

e) Emisión de resolucións e informes de recoñecemento para efectos profesionais dos títulos de formación profesional expedidos noutros Estados da Unión Europea e a certificación dos títulos de formación profesional expedidos en España para exercer noutros países comunitarios.

f) A planificación, promoción e avaliación das accións de formación continuada sustentadas nas necesidades do Sistema público de saúde de Galicia, así como a materialización da proposta do Plan anual de formación continuada do persoal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

g) O apoio técnico e administrativo á Comisión Autonómica de Formación Continuada das Profesións Sanitarias, asumindo a Secretaría Técnica do Sistema Acreditador da Formación Continuada das Profesións Sanitarias, así como do Comité de Acreditación.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do seu ámbito de actuación.

4. O Servizo de Innovación Formativa será o responsable das actividades relacionadas coa planificación, xestión, execución e avaliación da actividade de formación levada a cabo pola Axencia, e desempeñará as seguintes funcións:

a) Elaborar plans de formación e xestionar a provisión da formación continuada do persoal do sistema público de saúde de Galicia.

b) Crear as condicións precisas para desenvolver un espazo de formación e mellora dos profesionais a través do intercambio de experiencias e boas practicas e a circulación da información facilitando a transmisión desta entre os xeradores e os demandantes desta.

c) Desenvolver as ferramentas metodolóxicas e técnicas necesarias para soportar o proceso continuo de actualización do coñecemento respondendo ás variacións nas demandas sociais e a evolución dis sistemas sanitarios.

d) Formular novos itinerarios formativos, abertos a profesionais de dentro e de fóra do Sistema público sanitario de Galicia baseados no uso das novas tecnoloxías.

e) Propoñer e deseñar os mecanismos máis axeitados para a incorporación nos programas formativos do coñecemento relevante identificado nas distintas organizacións e unidades do sistema de saúde.

f) Promover a detección e avaliación de necesidades e tendencias en relación a capacitación do persoal do Sistema galego de saúde.

g) Impulsar e fomentar a formación sanitaria a través da programación e o financiamento de actuacións, bolsas e axudas á formación.

h) Desenvolver a avaliación continua dos resultados da formación levada a cabo.

i) Apoiar as políticas que impulse a autoridade sanitaria galega no eido da formación.

j) Realizar a interlocución con axentes externos, públicos e privados, para a identificación e implantación de iniciativas de colaboración no ámbito formativo, así como para a participación en redes.

k) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do seu ámbito de actuación.

Artigo 18. Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria

Á Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria correspóndelle a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Deseñar e executar programas, proxectos e actividades de desenvolvemento e innovación en materia sanitaria, financiados directamente pola propia Axencia, a través do financiamento de terceiros, ou dos institutos de investigación sanitaria.

b) Xestionar e executar proxectos e programas de investigación e innovación financiados con fondos europeos ou doutros organismos.

c) Seleccionar, de acordo coa normativa aplicable, persoal investigador para a execución de proxectos e actividades innovadoras desenvolvidas pola Axencia ou por outras institucións coas que a Axencia teña convenios de colaboración.

d) Deseñar e executar a estratexia de valorización dos proxectos e ideas identificados susceptibles de aplicabilidade real ou saída ao mercado, facilitando a súa implantación ou transferencia.

e) Dar soporte ás actividades da Plataforma de innovación sanitaria.

f) Promover e divulgar o coñecemento científico e tecnolóxico en Galicia, fomentando o interese da sociedade pola investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito sanitario, así como a través de congresos e reunións de carácter científico e de especialistas no sector sanitario.

g) Promover a cultura innovadora en toda a organización, desenvolvendo un modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras e favorecendo a participación de profesionais sanitarios en proxectos de innovación sanitaria.

h) Difundir e participar en iniciativas nacionais e europeas de innovación e do clúster da saúde de Galicia, fomentando o acceso a fondos que financien proxectos de innovación sanitaria.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do ámbito funcional e de actuación que ten esta área.

Artigo 19. Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria

Á Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria correspóndelle a planificación, promoción, coordinación, execución e avaliación da investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Planificar, promover, coordinar e avaliar a investigación sanitaria de calidade en función dos criterios e obxectivos definidos polo Servizo Galego de Saúde e a consellería competente en materia de sanidade, e de acordo coa política xeral da Xunta de Galicia en materia de I+D+i.

b) Elaborar a estratexia integral de protección, valorización e transferencia de resultados da I+D+i sanitaria, implicando a todos os axentes que forman o sistema sanitario de Galicia así como á Axencia Galega de Innovación.

c) Promover proxectos e programas de investigación en materia sanitaria derivados das prioridades de investigación sanitaria da Comunidade Autónoma de forma coordinada con outros organismos con competencias na materia.

d) Coordinar, realizar o seguimento e avaliación dos institutos de investigación sanitaria, o impulso de estruturas de investigación en rede entre eles, así como a implantación e xestión dun sistema de avaliación da capacidade investigadora.

e) Realizar o seguimento e avaliación científica das fundacións de investigación sanitaria vinculadas ao Servizo Galego de Saúde, promovendo a interacción entre os centros e a súa conexión co resto do sistema de ciencia e tecnoloxía, especialmente co sistema universitario.

f) Coordinar e facer o seguimento dos biobancos de investigación do Servizo Galego de Saúde e outros instrumentos que permitan o desenvolvemento de investigación en biomedicina e biotecnoloxía, mediante a xestión integrada de mostras biolóxicas clasificadas.

g) Definir a política de selección de persoal investigador e desenvolver o seguimento e a avaliación dos investigadores estables do Sistema público sanitario de Galicia.

h) Medir e difundir de forma pública e transparente os resultados das actividades de I+D+i biomédica acadados polos diferentes actores que integran o Sistema público de saúde de Galicia, e velar polo cumprimento da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación en Galicia, no relativo á difusión dos resultados da I+D+i en formatos de acceso aberto.

i) Velar polo cumprimento das disposicións sobre a protección de resultados de investigación e innovación desenvolvidos polos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia recollidas na normativa reguladora da valorización e transferencia dos resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da consellería competente en materia de sanidade, o Servizo Galego de Saúde e as súas entidades instrumentais.

j) Propoñer a convocatoria de bolsas, axudas e premios, e outras medidas de fomento da investigación sanitaria, así como o seu seguimento, asesoramento, difusión de resultados, e apoio a investigadores e rexistros na materia.

k) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do ámbito funcional e de actuación que ten esta área.

Artigo 20. Unidade de Asesoramento Científico-técnico

Á Unidade de Asesoramento Científico-técnico correspóndelle a avaliación e demostración de tecnoloxías, procesos e servizos sanitarios da Axencia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Planificar a avaliación de tecnoloxías, servizos e procesos sanitarios en función dos criterios e obxectivos de planificación estratéxica definidos pola consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

b) Coordinar a prestación, baixo demanda de institucións públicas e outros axentes do sector privado, de servizos para a avaliación da efectividade, utilidade clínica e impacto de tecnoloxías ou prestacións sanitarias non implantados e/ou emerxentes no sistema sanitario.

c) Analizar, promover e divulgar o coñecemento científico e tecnolóxico relacionado coa avaliación das tecnoloxías sanitarias, promovendo o interese dos profesionais do Sistema de saúde de Galicia.

d) Asumir por delegación da Presidencia da Axencia a representación desta nos diferentes foros, redes e organismos, e a interlocución con outros axentes públicos e privados no ámbito da capacitación e asesoramento técnico en I+D+i sanitaria.

e) Promover a investigación científica dirixida a mellorar a metodoloxía necesaria no ámbito da avaliación de tecnoloxías sanitarias, fomentando a colaboración entre as universidades, os centros, unidades de investigación, as empresas e outras institucións de ámbito nacional e internacional.

f) Avaliar as tecnoloxías sanitarias, procesos, servizos, e sistemas organizativos nos cales se desenvolve a atención sanitaria, de acordo con criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia tendo en conta valores éticos, clínicos, económicos e sociais.

g) Promover a utilización apropiada das tecnoloxías médicas mediante o deseño, elaboración e difusión de guías de práctica clínica.

h) Identificar e priorizar tecnoloxías sanitarias novas ou emerxentes, susceptibles de avaliación, ou de tecnoloxías sanitarias obsoletas, susceptibles de desinvestimento.

i) Elaborar estudos clínicos e informes sobre tecnoloxías sanitarias, procesos, servizos, e sistemas organizativos, baixo a procura de entidades e axentes externos ao Sistema público de saúde de Galicia.

j) Desenvolver ferramentas metodolóxicas no ámbito da avaliación, así como de indicadores de calidade das tecnoloxías.

k) Elaborar estándares de indicación de uso adecuado das tecnoloxías.

l) Deseñar, coordinar e analizar os sistemas de información necesarios para a avaliación de tecnoloxías sanitarias suxeitas á monitorización ou especial seguimento previo á súa incorporación definitiva na carteira de servizos.

m) Asumir por delegación da Presidencia da Axencia a interlocución e representación da unidade nos diferentes foros, redes e organismos rexionais, nacionais e internacionais no ámbito da avaliación de tecnoloxías sanitarias.

n) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do ámbito funcional e de actuación que ten esta unidade.

Artigo 21. Servizo de Xestión

Ao Servizo de Xestión correspóndenlle as actividades relativas á xestión económica, administrativa e do persoal da Axencia, a través do desempeño das seguintes funcións:

a) Xestionar os servizos comúns da Axencia así como das unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia. No exercicio desta función velará pola organización, simplificación e racionalización da actividade administrativa, propoñendo as modificacións encamiñadas a mellorar e perfeccionar os servizos.

b) Dar soporte, baixo a dependencia da persoa titular da Xerencia, aos programas e actuacións das diferentes áreas da Axencia.

c) Elaborar os documentos necesarios para a elaboración do orzamento, levar a cabo a xestión e o seguimento da execución económica e orzamentaria, e asumir, entre outras, a tramitación, seguimento e control dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola Axencia, a tramitación das autorizacións para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.

d) Coordinar, supervisar e realizar o seguimento en materia dos fondos europeos de I+D+i , por fontes de financiamento.

e) Xestionar o inventario, o patrimonio, e os medios materiais adscritos á Axencia.

f) Coordinar a xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de Facenda.

g) Elaborar os borradores iniciais do contrato plurianual de xestión, do plan de acción anual, do informe de actividade e das contas anuais.

h) Realizar o estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello Reitor ou á Comisión de Control da Axencia, ou ao Consello da Xunta de Galicia.

i) Desenvolver e xestionar a política de recursos humanos da Axencia e do seu réxime interior. Esta función inclúe a xestión do cadro de persoal e relación de postos de traballo, o asesoramento á Xerencia na fixación das retribucións e a condución de avaliacións periódicas de desempeño e cumprimento de obxectivos.

j) Tramitar os expedientes de contratación do persoal investigador para a execución de proxectos e actividades investigadoras desenvolvidas pola Axencia ou por outras institucións coas que a Axencia teña convenios de colaboración.

k) Realizar funcións técnicas e de apoio ao desenvolvemento normativo en materia de I+D+i sanitaria.

l) Realizar apoio xurídico nas materias de competencia da Axencia, tanto nas propostas normativas que esta elabore coma nos labores de estudo, tramitación e elaboración de propostas de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Axencia, cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

m) Responsabilizarse dos servizos de lexislación, documentación e publicación da Axencia.

n) Prestar asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Xerencia nos asuntos que esta considere conveniente.

o) Prestar asistencia técnica e soporte tecnolóxico ás distintas áreas e servizos da Axencia.

p) Garantir a accesibilidade á información do seu departamento segundo a Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

q) Elaborar propostas de resolución sobre asuntos da competencia da persoa titular da Xerencia cuxa tramitación se lle encomende.

r) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados pola Xerencia da Axencia en razón do ámbito funcional e de actuación que ten o servizo.

Artigo 22. Xestión de proxectos concretos

De conformidade co previsto na alínea s) do artigo 13 dos presentes estatutos, o Consello Reitor da Axencia promoverá fórmulas de coordinación con outros órganos e entidades, públicas ou privadas, para o desenvolvemento de proxectos concretos nos cales a Xerencia da Axencia asuma a dirección funcional dos medios e recursos necesarios para o seu desenvolvemento, sen menoscabo da dependencia orgánica que sobre os ditos medios e recursos teñan eses outros órganos e entidades colaboradoras de conformidade coa normativa que as regula.

Sección 4ª. Órgano de control

Artigo 23. Composición e réxime de funcionamento da Comisión de Control

1. Baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor constituirase unha Comisión de Control, integrada por membros nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia, que non teñan responsabilidades de xestión na Axencia, correspondendo a presidencia desta Comisión á persoa que teña a representación da consellería competente en materia de sanidade. A pertenza á Comisión non terá carácter retribuído.

2. Formarán parte desta comisión en calidade de membros as seguintes persoas:

a) Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda.

b) Unha persoa representante da consellería competente en materia de sanidade.

c) Unha persoa representante da propia Axencia, designada pola persoa titular da súa Presidencia, por proposta da Xerencia.

d) Unha persoa representante da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

e) Unha persoa representante do Servizo Galego de Saúde.

3. Na xuntanza constitutiva da Comisión de Control designarase unha persoa de entre os membros do Consello Reitor, que actuará como encargado da secretaría, que poderá pertencer ou non á Comisión, actuando, neste último caso, con voz pero sen voto. Se a persoa designada non fose membro da Comisión de Control, deberá ter a condición de empregado/a público/a ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou da propia Axencia. A persoa elixida será nomeada e apartada pola persoa titular da Presidencia da Axencia.

4. A Comisión de Control reunirase, cando menos, unha vez en cada exercicio orzamentario.

5. O funcionamento e o réxime aplicable á Comisión de Control axustarase, no non previsto anteriormente, ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Funcións da Comisión de Control

Son funcións da Comisión de Control:

a) Elaborar e aprobar o seu propio regulamento interno.

b) Informar o Consello Reitor da Axencia, coa periodicidade que este decida, da execución do contrato plurianual de xestión da Axencia.

c) Analizar os resultados da xestión económico-financeira da Axencia a través da información que, de forma periódica, deberán proporcionarlle os seus órganos xestores.

d) Recibir da Xerencia da Axencia, no primeiro trimestre de cada exercicio anual, a información da execución e do cumprimento dos obxectivos establecidos no contrato plurianual de xestión durante o exercicio anual inmediatamente anterior

e) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento da Axencia. Para tal efecto, deberá recibir da Xerencia informes coa periodicidade que o Consello Reitor decida.

f) Recoller información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer dos informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre funcionamento do control interno e propor ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

g) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución.

h) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

i) Aqueloutras que lle correspondan segundo a normativa legal ou regulamentaria.

CAPÍTULO III
Contrato plurianual de xestión e plan de acción anual

Artigo 25. Contrato plurianual de xestión. Natureza e finalidade

1. O contrato plurianual de xestión terá por obxecto establecer a actividade da Axencia e as relacións recíprocas entre esta e a Administración xeral da Comunidade Autónoma; todo iso no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. A Xerencia da Axencia elaborará a proposta de contrato plurianual da Axencia, e elevaraa ao Consello Reitor para a súa aprobación.

O Consello Reitor aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Os posteriores anteproxectos de contratos plurianuais de xestión presentaranse ante o Consello Reitor da Axencia, para a súa aprobación polo Consello da Xunta no último trimestre da vixencia do anterior.

Unha vez aprobada cada proposta de contrato plurianual de xestión polo Consello Reitor, a persoa titular da Presidencia da Axencia remitiraa ás consellerías con competencias en materia de sanidade, de administracións públicas e de facenda, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

3. O contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de catro anos coincidentes cos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación final de cada contrato plurianual de xestión da Axencia terá lugar por acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de sanidade, e das competentes en materia de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

Artigo 26. Contido do contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión ten que conter, como mínimo, os aspectos previstos no artigo 80.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. No contrato plurianual de xestión definiranse os criterios que permitan a exixencia de responsabilidade ao persoal directivo da Axencia por incumprimento de obxectivos de xestión e determinaranse os mecanismos a través dos cales se exixirá esta.

Artigo 27. Plan de acción anual, informe xeral de actividade e contas anuais

1. O Consello Reitor da Axencia, por proposta da Xerencia da Axencia, aprobará para cada exercicio natural anual:

a) Un plan de acción anual no marco do contrato plurianual de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles.

O Plan de acción anual comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que alcanzar no exercicio anual a que se refira, a previsión dos resultados que se pretenden obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da Axencia.

b) Un informe xeral da actividade correspondente á xestión realizada pola Axencia no ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais da Axencia acompañadas dun informe de auditoría de contas.

2. No primeiro trimestre de cada exercicio natural anual a persoa titular da Xerencia da Axencia informará a consellería de adscrición, e as competentes en materia de administracións públicas e de facenda, acerca da execución e do grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato plurianual de xestión durante o exercicio natural anual anterior.

CAPÍTULO IV
Réxime de persoal

Artigo 28. Réxime xurídico do persoal da Axencia

1. A Axencia rexerase en materia de persoal polo disposto na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e pola normativa específica, de conformidade co establecido na disposición adicional sexta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O persoal da Axencia gozará da condición de empregado público da saúde, conforme as condicións establecidas no artigo 108.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de conformidade co que se estableza no correspondente cadro de persoal e relación de postos de traballo.

3. Sen prexuízo do anterior, o persoal da Axencia estará integrado por persoal funcionario, estatutario ou laboral, consonte o réxime xurídico de procedencia, e rexerase polas disposicións normativas que lle sexan de aplicación segundo a natureza xurídica do seu vínculo. En todo caso, o desempeño das funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico corresponderán, exclusivamente, ao persoal funcionario e estatutario.

4. O persoal da Axencia poderá ter a condición de funcionario de carreira, estatutario fixo ou laboral fixo, como consecuencia da superación do correspondente proceso selectivo, obtendo un nomeamento para o desempeño con carácter permanente das funcións que de tal nomeamento deriven; ou ben a condición de persoal funcionario interino, ou persoal estatutario ou laboral temporal, cando desempeñe un nomeamento administrativo ou contrato laboral do mesmo carácter.

5. Non obstante o disposto nos puntos precedentes, e de conformidade co artigo 112.5 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a Administración sanitaria promoverá as medidas necesarias para establecer os correspondentes procedementos de integración directa e voluntaria do persoal laboral da Axencia na condición de persoal estatutario. A devandita integración realizarase a través da correspondente proceso de integración no réxime estatutario que formalice a Administración sanitaria de conformidade co Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, ou norma que o substitúa.

6. A Axencia poderá formalizar contratacións de persoal laboral por obra ou servizo nos supostos establecidos na respectiva lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e na correspondente normativa aplicable.

7. A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de sanidade exercerá a potestade disciplinaria sobre o persoal da Axencia, de conformidade e nos termos previstos no artigo 4.2.c) do Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Artigo 29. Persoal investigador

1. A Axencia poderá dispoñer de persoal investigador en réxime laboral, consonte o disposto na Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica, e na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación; sen prexuízo da posible incorporación de persoal investigador en réxime estatutario nos termos previstos nas devanditas normas.

2. Asemade, a Axencia poderá contratar persoal investigador a través de contratos laborais de carácter temporal para realizar proxectos de investigación determinados a través das modalidades de contrato de traballo establecidas polo Estatuto dos traballadores, tal como dispón a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

3. Os contratos laborais do persoal investigador en calquera das súas modalidades estarán supeditados as previsións que as leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia determinen en relación coas autorizacións para realizar este tipo de contratacións.

4. A Axencia poderá autorizar a adscrición de persoal investigador da Axencia ás fundacións sanitarias ou a outros axentes públicos de investigación ou privados sen animo de lucro, sempre que se cumpran os requisitos dispostos no artigo 17.2 da Lei 14/2011. Así mesmo, consonte o establecido no artigo 17 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, a Axencia poderá autorizar a adscrición de persoal investigador que dependa doutros axentes públicos de investigación diferentes da Axencia sempre e cando conte co informe favorable previo do axente público de investigación do cal dependa organicamente o persoal investigador obxecto da adscrición.

En ambos os casos o obxecto da adscrición será a realización de tarefas de investigación científica e técnica, desenvolvemento tecnolóxico, transferencia ou difusión do coñecemento, ou a dirección de proxectos de investigación, ou de programas e proxectos científicos, dirección de centros de investigación e instalacións científicas, polo tempo necesario para a execución dos respectivos proxectos de investigación.

5. A Axencia poderá autorizar os funcionarios de corpos ou escalas de investigación e ao persoal investigador laboral para realizar labores relacionados coa investigación científica e tecnolóxica fóra do ámbito orgánico a que estean adscritos, mediante os mecanismos de mobilidade previstos na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Artigo 30. Selección de persoal investigador

Os procedementos de selección de persoal investigador laboral propio da Axencia garantirán os principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, e demais establecidos pola lexislación xeral de emprego público. Desenvolveranse de conformidade co previsto nas normas de aplicación de xeito que permitan un desenvolvemento profesional transparente, aberto, igualitario e recoñecido internacionalmente.

Artigo 31. Colaboradores científicos e tecnolóxicos

De conformidade co disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, a Axencia en canto que axente público de financiamento poderá adscribir temporalmente, a tempo completo ou parcial, persoal funcionario de carreira investigador, experto en desenvolvemento tecnolóxico ou especialista relacionado co ámbito da investigación, para que colabore en tarefas de elaboración, xestión, seguimento e avaliación de programas de investigación científica e técnica, logo de autorización dos órganos competentes e da entidade en que o persoal investigador preste os seus servizos.

Artigo 32. Estrutura dos postos de traballo

1. O cadro de persoal e a relación de postos de traballo son os instrumentos técnicos de ordenación do persoal da Axencia. Todos os postos de traballo de carácter estrutural da Axencia, con independencia do seu réxime xurídico ou retributivo, estarán consignados nel desagregados ao nivel da categoría profesional.

2. O cadro de persoal e a relación de postos de traballo da Axencia constitúen a expresión cifrada, contable e sistemática dos efectivos que, como máximo, poden prestar servizos con carácter estrutural con suxeición ás dotacións económicas consignadas consonte a normativa orzamentaria, e sen prexuízo das contratacións ou dos nomeamentos de carácter temporal para o mantemento da continuidade dos servizos ou para atender necesidades de carácter non permanente que se poidan realizar con cargo aos créditos existentes para esta finalidade.

3. Correspóndelle ao Consello Reitor, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública, a aprobación da proposta do cadro de persoal e da relación de postos de traballo da Axencia, e da súa modificación, e a súa xestión á Xerencia desta, nos termos dos presentes estatutos. Todo isto sen prexuízo das competencias atribuídas no artigo 114.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, á consellería de adscrición en relación ao cadro de persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 33. Procesos de selección e provisión de postos de traballo

De conformidade co previsto no artigo 115 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a provisión de postos de traballo na Axencia realizarase a través de procedementos de selección, promoción interna, mobilidade, reingreso ao servizo activo e libre designación con convocatoria pública, de conformidade cos requisitos e sistemas de provisión establecidos pola normativa básica en materia de emprego público e a correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Artigo 34. Organización do traballo

1. O persoal da Axencia estará obrigado ao cumprimento das funcións inherentes ao posto de traballo que ocupa e a categoría, corpo ou escala a que pertenza.

2. A actividade laboral que se desenvolva na Axencia organizarase de forma flexible arredor de proxectos, entendidos estes como un conxunto de actividades ou tarefas que teñen unha natureza funcional común, e están orientadas á procura dun obxectivo concreto. Para a coordinación dos proxectos poderase asignar a traballadores da Axencia a condición funcional de xefe de proxecto, sen que isto supoña ningún dereito de retribución complementaria a maiores do salario asignado ao posto de traballo ou á categoría laboral que teñan os traballadores aos cales se lles asigne esa condición de xefe de proxecto, que terá carácter voluntario.

Artigo 35. Réxime retributivo

1. O persoal da Axencia percibirá as súas retribucións de acordo co réxime xurídico que rexa a súa relación de emprego consonte a normativa de aplicación.

2. O modelo retributivo, establecerase logo da negociación coas organizacións sindicais representativas, e co informe favorable previo emitido pola consellería competente en materia de facenda, e estará orientado á calidade do servizo, ao incentivo da actividade segundo criterios de cumprimento de obxectivos de xestión, á motivación dos profesionais, á consideración singular de actuacións concretas no ámbito sanitario e á consecución dos obxectivos planificados.

3. O réxime retributivo do persoal investigador contratado ou adscrito á Axencia para o desenvolvemento de proxectos concretos, rexerase segundo o disposto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e demais normativa de aplicación.

Artigo 36. Persoal directivo

1. Será persoal directivo da Axencia o que ocupe postos definidos como tales no seu cadro de persoal, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas aos ditos postos, de conformidade co previsto no artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Ademais do/a xerente da Axencia, terán a consideración de persoal directivo as persoas que ocupen a dirección da Área de Xestión do Coñecemento e Talento, da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria e da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria. Estes postos serán provistos mediante convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade dispor o seu nomeamento e cesamento.

3. Os postos correspondentes á Xerencia da Axencia, á dirección da Área de Xestión do Coñecemento e Talento, e á dirección da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria poderán ser provistos por persoal estatutario fixo do subgrupo de clasificación profesional A1, funcionario de carreira do subgrupo A1, ou mediante contrato laboral de alta dirección.

Cando o/a aspirante seleccionado/a teña a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira ao servizo de calquera administración pública, a vinculación formalizarase mediante nomeamento de carácter administrativo.

Cando non teña dita condición, a vinculación formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección.

De conformidade co disposto no artigo 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, e nos artigos 22.1 e 6.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, se a función directiva que se vai desenvolver implica a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma e doutras administracións públicas, o/a profesional deberá acreditar a condición de funcionario de carreira ou estatutario fixo.

4. O posto correspondente á dirección da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria, deberá ser provisto por persoal estatutario fixo do subgrupo de clasificación profesional A1 ou funcionario de carreira do subgrupo A1, ao servizo de calquera Administración pública, e a vinculación formalizarase mediante nomeamento de carácter administrativo.

5. Cando as persoas designadas teñan a condición de persoal estatutario fixo do Sistema público de saúde de Galicia, serán declaradas na situación de servizos especiais ao abeiro e nos termos dos artigos 121 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e 64.1 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

6. A designación do persoal directivo atenderá a principios de mérito, capacidade, idoneidade, concorrencia e publicidade.

7. O persoal directivo estará suxeito a avaliación segundo criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que se lle fixen.

8. Os postos de traballo do persoal directivo entenderanse como de especial dedicación e serán incompatibles con calquera outra actividade pública ou privada, agás as derivadas do docencia universitaria nos termos do artigo 4 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

CAPÍTULO V
Réxime patrimonial e contratación

Artigo 37. Patrimonio

1. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde terá, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. Así mesmo, poderán adscribirse á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, os bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de calquera titularidade que así se acorde, de conformidade co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para o mellor cumprimento dos seus fins, a Axencia, de acordo co que se estableza no contrato de xestión, poderá formular proposta de creación de sociedades mercantís autonómicas ou fundacións do sector público autonómico cun obxecto acorde cos seus obxectivos, ou de participación nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e demais normativa aplicable.

Artigo 38. Bens e dereitos propios

1. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico, entendéndose implícita a afectación aos fins da Axencia dos bens mobles ao se aprobar a súa adquisición.

2. A adquisición e alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 39. Bens e dereitos adscritos

A adscrición e desadscrición de bens e dereitos por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e corresponderalle á Axencia o exercicio das competencias demaniais, así como o uso, a xestión, a vixilancia, protección xurídica, defensa, administración, conservación e colaboración na protección e defensa, o mantemento e demais actuacións que requira o correcto uso e utilización deles e cantas prerrogativas referentes ao dominio público estean legalmente establecidas.

Artigo 40. Contratación

1. A contratación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Actuará como órgano de contratación, por delegación da persoa titular da consellería de adscrición, a Xerencia da Axencia, sen prexuízo da autorización do Consello Reitor e do Consello da Xunta de Galicia, conforme o disposto na correspondente lei de orzamentos por razón da contía, e no artigo 15.3.c) destes estatutos.

CAPÍTULO VI
Réxime de funcionamento

Artigo 41. Réxime de funcionamento

1. A Axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e ordes de servizo da Presidencia da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Xerencia.

2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno da Axencia poñen fin á vía administrativa e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

3. Contra os actos administrativos da Xerencia da Axencia poderase recorridos en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

4. A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade é competente para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables, emanados dos órganos superiores de goberno da Axencia, de conformidade co disposto no artigo 3.1.b) da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO VII
Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 42. Recursos económicos

1. Os recursos económicos da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde son:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades ou servizos que, en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais poida realizar para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e de particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizados a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

1. A Axencia poderá realizar a contratación de pólizas de crédito ou préstamo, cando iso sexa necesario para atender desfases temporais de tesourería, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

2. De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as respectivas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia autorizarán para cada exercicio anual o límite máximo do endebedamento a curto prazo que pode asumir a Axencia.

3. De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, a Axencia non poderá empregar fórmulas ou instrumentos de endebedamento a longo prazo, salvo que unha norma con rango de lei así o autorice expresamente.

4. Para o cobramento dos créditos que teñan a consideración de ingresos de dereito público, poderase utilizar o procedemento de constrinximento previsto na normativa tributaria.

Artigo 43. Orzamento

1. O Consello Reitor aprobará, por proposta da Xerencia da Axencia, o anteproxecto de orzamentos anuais desta entidade, conforme o disposto no contrato plurianual de xestión e coa estrutura e documentación que determine a consellería competente en materia de facenda.

Unha vez aprobado polo Consello Reitor, o anteproxecto será remitido á consellería competente en materia de sanidade que, logo do seu exame, e remitirá xunto co orzamento da propia consellería á consellería competente en materia de facenda, para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

O orzamento da Axencia terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da Xerencia da Axencia, a autorización das variacións da contía global dos orzamentos da Axencia, salvo no previsto no parágrafo seguinte, así como as que afecten a contía global dos gastos de persoal e de capital.

Tamén lle corresponde a autorización das restantes variacións por riba do inicialmente orzado, mesmo na contía global, cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e), f), g) do artigo 42.1 dos presentes estatutos, e se destinen directamente a fins da Axencia, logo do informe favorable da comisión de control, sempre que existan garantías suficientes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, dando conta con posterioridade á consellería competente en materia de facenda.

3. A adquisición de compromisos de gastos de carácter plurianual realizarase de conformidade coas disposicións aplicables para este tipo de gastos, segundo o previsto no artigo 83.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Por tal motivo, non poderán adquirirse compromisos de gastos que se estendan a máis de catro exercicios e o gasto que se impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo, e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

4. A Xerencia da Axencia poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, dando conta á Comisión de Control.

5. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato plurianual de xestión da Axencia.

Artigo 44. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será o establecido na lexislación vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario da Administración autonómica de Galicia.

2. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o que contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados contables e informes, a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

3. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no respectivo contrato plurianual de xestión da Axencia.

Artigo 45. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do seu contrato plurianual de xestión, pola consellería competente en materia de sanidade.

O dito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados para a consecución dos ditos obxectivos.

CAPITULO VIII
Transparencia

Artigo 46. Información de transparencia que se publicará na páxina web da Axencia

1. Sen prexuízo das demais obrigas de publicación activa de información de interese para a cidadanía establecidas na lexislación vixente en materia de transparencia informativa e daqueloutras obrigas de transparencia que os órganos de dirección da Axencia consideren oportunas, a Axencia publicará como mínimo, na súa páxina web corporativa, información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato plurianual de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais da Axencia, acompañadas do respectivo informe de auditoría de contas.

b) Información sobre as redes de coñecemento e intercambio de información que impulse a Axencia en relación cos seus ámbitos materiais de actuación e xestión e, de ser o caso, doutras redes que existan no territorio de Galicia sobre as mesmas materias ou outras relacionadas.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

f) Os convenios subscritos pola Axencia.

2. A publicación dos documentos a que se refire a letra a) do parágrafo anterior deberá realizarse nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso lle corresponda.

Artigo 47. Acceso aberto os resultados da investigación

A Axencia, en cumprimento da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, garantirá o desenvolvemento de repositorios dixitais, propios ou compartidos, de acceso aberto ás publicacións do persoal de investigación cuxa actividade estea financiada por fondos públicos, e o establecemento de sistemas que permitan conectalos con iniciativas similares de ámbito nacional e internacional.

CAPÍTULO IX
Modificación dos estatutos e extinción da Axencia

Artigo 48. Modificación de estatutos

A modificación dos estatutos da Axencia levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, e tras a negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública cando a modificación proposta afecte os contidos regulados no artigo 37.1 do Estatuto básico do empregado público.

Artigo 49. Extinción da Axencia

A extinción da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administración pública e de facenda. Este decreto determinará o destino dos bens, dereitos e obrigas da Axencia, así como as medidas aplicables aos seus empregados no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.