Onte celebrouse a primeira reunión de grupo do Proxecto Biblioterapia, impulsado pola Unidade de Asesoramento Científico-técnico (avalia-t) de ACIS. O grupo de traballo de esta iniciativa está formado por profesionais de BIBLIOSAÚDE, Servicio de Saúde Mental e Atención as Drogodependencias (Consellería de Sanidade), Servizo Galego de Saúde, FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia), e da USC (Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Psicoloxía). Os pacientes e familiares tamén participarán de forma activa no proxecto a través de FEAFES.

grupoBiblioterapia.jpg


 Neste proxecto tamén participa Lundbeck, que colaborará fundamentalmente na edición dos materiais derivados do mesmo e dará apoio na fase de implementación.

 A biblioterapia é unha forma de autoaxuda que usa lecturas cun obxectivo terapéutico. Existen diferentes modalidades tendo en conta o papel do profesional sanitario no seu uso (autoaxuda guiada versus non guiada) e tamén segundo o tipo de lecturas recomendadas (libros de autoaxuda versus ficción ou biblioterapia creativa). Esta estratexia, como parte da abordaxe dos trastornos mentais, é recomendada por diferentes guías de práctica clínica e expertos do ámbito nacional e internacional.

 Aínda que diferentes países traballaron en iniciativas de Biblioterapia, Reino Unido é un referente a nivel internacional na implementación de programas de autoaxuda no sistema sanitario. A súa iniciativa Books on Prescription, que comezou no ano 2003 e implementouse a nivel nacional en 2013, obtivo unha ampla aceptación por parte dos clínicos e os pacientes. En concreto os pacientes destacaron que o uso de libros aumentara o seu coñecemento sobre o seu problema e a confianza no manexo dos síntomas. No noso contexto moitos profesionais usan libros como apoio e existen iniciativas illadas, pero ningunha impulsada e coordinada desde o sistema sanitario.

 O resultado deste proxecto, que esperamos rematar no primeiro semestre de 2018, será un listado de libros para nenos, adolescentes e adultos que poderán ser empregados como apoio no seu tratamento. O proxecto implementarase no SERGAS a través das bibliotecas dos hospitais e coa colaboración dos profesionais do sistema.