Introdución:

A ultrasonografía endobronquial (EBUS) é unha técnica diagnóstica minimamente invasora que complementa o fibrobroncoscopio flexible e que permite visualizar os ganglios mediastínicos e hiliares antes da punción-aspiración transbronquial con agulla (TBNA).
Recentemente, desenvolveuse un broncofibrovideoscopio ultrasónico cunha sonda convicta de tipo lineal (EBUS-CP) que permite a realización da punción-aspiración en tempo real guiada mediante control de ultrasóns. A principal indicación desta tecnoloxía é a estadificación de ganglios linfáticos en pacientes con sospeita ou previamente diagnosticados de cancro de pulmón primario ou metastático, aínda que tamén se propuxo para a avaliación do mediastino noutras patoloxías. As actuais técnicas de imaxe, tales como a PET e TAC, non presentan unha sensibilidade e especificidade abondo para determinar se existe invasión dos ganglios linfáticos e para o diagnóstico final é necesario recorrer a técnicas invasoras como a mediastinoscopia e/ou toracoscopia.

Obxectivos:

Os obxectivos principais deste informe son:

a) avaliar a efectividade da EBUS-TBNA a tempo real en diferentes indicacións clínicas en comparación con outras técnicas existentes para a avaliación de ganglios linfáticos.

b) avaliar a seguridade da EBUS-TBNA a tempo real en diferentes indicacións clínicas.

Métodos:

Levouse a cabo unha revisión sistemática da literatura médica en novembro do 2007, sen límite de datas, nas seguintes bases de datos xerais: Medline, Embase e ISI Web of Knowledge. Revisáronse tamén as bases de datos específicas da Cochrane Library Plus, NHS Centre for Reviews and Dissemination e a Tripdatabase. A selección dos estudos foi realizada sobre a base duns criterios de inclusión/exclusión previamente establecidos. A busca incluíu tamén literatura gris e unha revisión manual das citas bibliográficas.

 

............Ver texto completo